mirabilia81

quinta-feira, junho 23, 2005

O GALEGO NAS EMPRESAS E NAS INSTITUCIÓNS

É un título suxerente, verdade? Pois o que quero amosar aquí é o bilingüismo das empresas e institucións, concretamente un caso de cada. Despois de velo podemos tentar aclarar se estamos ante un caso de bilingüismo ou diglosia.
Así decidín ver o meu estado bancario nunha caixa por todas coñecida e que presume da súa galeguidade e de promocionar eventos culturais. Como eu son galega quixen ter ese contido en galego e como son multilingüe tamén en inglés (hai que premer nesta lingua) e, ai!, que sorpresa levei. Primeiro non hai que deixar de fixarse nas direccións das páxinas, a mesma para o español e o inglés e especificada para o galego. Ademais, que quere dicir o feito de que se abra unha nova fiestra premendo no idioma galego?, é que o español e o inglés están a un mesmo nivel e o galego está encaixado dentro doutro? Hai moito que pensar e recapacitar.
Vendo o panorama decidín comprobar o que ocorría se quería visitar un museo na Coruña na rede. Decidín probar sorte e ver como era o noso museo arqueolóxico. Aquí repetín a mesma operación polo mesmo porque son galega e quero ver as cousas que consulto na miña lingua. Menuda sorpresa, xa aquí non sabía que pensar, e que conste que me parece moi ben a imaxe central pero non me explico porque ligan o touciño coa velocidade.
Visto isto volvo retomar o de antes, será isto unha cuestión puramente de bilingüismo armónico ou será unha cuestión diglósica? Eu tiña a esperanza de que a rede fose moito máis receptiva que a sociedade en xeral e que por isto puidese ser bilingüe sen problemas, mais isto parece unha cuestión difícil tanto de tratar como de concienciar e solucionar. Un bico.